A Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia abre o prazo de solicitude para participar no programa «Xuntos polo Nadal», unha iniciativa destinada a promover o envellecemento activo e a convivencia entre as persoas maiores que se atopan soas durante as festas do Nadal.
O programa ofrece un total de 270 prazas nas residencias de tempo libre de O Carballiño (Ourense) e Panxón (Nigrán), con estancia gratuíta, aloxamento, manutención e actividades de animación sociocultural.
PRAZAS E DESTINOS
- Residencia de Tempo Libre de O Carballiño (Ourense): 130 prazas, destinadas ás persoas solicitantes das provincias da Coruña e Ourense.
- Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán): 140 prazas, destinadas ás persoas solicitantes das provincias de Pontevedra e Lugo. Para a provincia de Lugo corresponden 30 prazas.
DATAS E QUENDAS
O programa desenvolverase entre o 23 de decembro de 2026 e o 7 de xaneiro de 2027. As persoas participantes poderán elixir unha das seguintes quendas:
- Do 23 de decembro de 2026 ao 7 de xaneiro de 2027 (16 días).
- Do 23 ao 30 de decembro de 2026 (8 días).
- Do 31 de decembro de 2026 ao 7 de xaneiro de 2027 (8 días).
SERVIZOS INCLUÍDOS
O programa inclúe:
- Estancia na residencia durante 16 días (15 noites) ou 8 días (7 noites).
- Aloxamento en habitacións compartidas.
- Manutención en réxime de pensión completa.
- Desprazamento en autobús desde os lugares establecidos.
- Actividades de animación sociocultural.
A participación no programa é gratuíta. Os gastos de desprazamento desde o domicilio ata o lugar de saída do autobús correrán por conta da persoa participante.
REQUISITOS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS
Para poder participar será necesario:
- Ter cumpridos 60 anos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
- Estar empadroado/a nalgún concello galego.
- Vivir só/a no domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal.
- Valerse por si mesmo/a e non padecer enfermidades transmisibles con risco de contaxio nin trastornos mentais ou de conduta que poidan alterar a convivencia durante a estancia.
Terán preferencia as persoas que perderan o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos dous anos, as de maior idade e as que non participasen en edicións anteriores do programa.
PRAZO E PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 16 ao 30 de novembro de 2026, ambos os dous incluídos.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado PRO04A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, podendo utilizarse os mecanismos de identificación e sinatura admitidos, incluído Chave365.
Tamén se poderán presentar presencialmente nos lugares e rexistros establecidos pola normativa administrativa.
As solicitudes deberán ir acompañadas do informe social e da declaración responsable, empregando os modelos establecidos.
MÁIS INFORMACIÓN
Para resolver dúbidas ou obter máis información:
- Teléfono Social: 900 333 666 (gratuíto).
- Consellería de Política Social e Igualdade: 981 547 437 / 881 999 183.
- Correo electrónico: subxeaiss.politicasocial@xunta.gal.
As persoas interesadas tamén poden dirixirse aos servizos sociais comunitarios dos concellos.