Ata a súa propia orixe é incerta. Uns din que foi Abul-Casin dos primeiros que puxo un pé naquelas terras que hoxe forman Abadín e, como era fundador do reino de Taifas e creador da dinastía dos Abaditas, quedoulle o nome. Mouros non se sabe a ciencia certa se houbo, pero as mans do clero queda de manifesto que si chegaron. É por iso que a versión que máis pesa é aquela que conta que os frades de Meira lle deron as terras de Granja de Vilarente ao abade Hemerico, mentres que o clero de Lourenzá se dispuxo a explotar Romariz. Os desencontros entre ambos mosteiros fixeron que se escollera un abade común que se encargaría de cobrar os impostos e tributos, ao que chamaron despectivamente ‘O Abadín’. A igrexa tamén forma parte das narracións fantásticas, coma a que conta que un bispo mindoniense se adicaba a petar de porta en porta e, cando lle abrían, dicía: «Confiscado todo canto ten!». Así ía reunindo propiedades para o clero, ata que se atopou con Xan de Candia, quen non dubidou en cortarlle o pescozo. En Vilarente había unha escada de ouro que comunicaba o castro desta parroquia —que ocupaba o Puntigo, onde se atopa a igrexa— ata o castro dos Cucos, da veciña Pastoriza. Pero por casualidades dos contos, esa mesma escada tamén aparece nas lendas do castro de Moncelos e no de Baroncelle.

CONCELLO DE ABADÍN

Dirección: Avda. Galicia, 29

Telf: 982 50 80 21

www.abadin.es

concello.abadin@eidolocal.es