DON JOSÉ MARÍA LÓPEZ RANCAÑO, ALCALDE DO CONCELLO DE ABADÍN (LUGO), ao
abeiro do disposto no artigo 21.1.e) da Lei 7/1985, do 2 de abril

FAGO SABER

Ante a situación na que aínda nos atopamos “situación de emerxencia sanitaria de interese galego”, efectuada polo Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, en aras de garantir a seguridade pública e saúde pública do conxunto da veciñanza do Concello de Abadín, e estando próxima a noite de San Xoán (23 de xuño) na que é tradición o encendido de innumerables fogueiras, en virtude do artigo 36.5 da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

ESTABLÉCENSE as seguintes normas para a súa realización:

  1. Queda prohibida a realización de fogueiras en espazos públicos.
  2. Poderán realizarse en espazos privados, debendo respectarse en todo caso as medidas de seguridade e hixiene establecidas no Real Decreto-Lei 21/2020 do 9 de xuño e na Resolución de 12 de xuño da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.
  3. Non se queimarán aceites, líquidos inflamables, envases con gases, nin outros recipientes ou obxectos que poidan conducir á explosión do seu contido e/ou materiais.
  4. Prohíbese queimar rodas ou cubertas de goma, plástico ou calquera material derivado de hidrocarburos, así como materiais ou productos contaminantes ou tóxicos.
  5. Non se poderán facer fogueiras en lugares próximos a tendidos eléctricos, inmobles, depósitos que puidesen conter material inflamable, masas arbóreas ou calquera outro no que poidan crearse situacións de perigo.
  6. Non poderán realizarse as fogueiras se as condicións metereolóxicas dificultan o seu control, especialmente non suposto de forte vento. Así mesmo, se unha vez iniciada a fogueira comeza a facer vento forte deberá procederse de inmediato a apagar o lume.
  7. Unha vez rematada a queima, o responsable ou responsables e organizadores de cada fogueira encargaranse de retirar os restos que queden e poidan ocasionar perigo.
  8. En caso de incumprimento do indicado, ou de queixas xustificadas da veciñanza, procederase polo Servizo de Extinción de Incendios a sofocar de inmediato a fogueira.

Cada fogueira terá un ou varios responsables que comunicarán nas Oficinas Municipais, presentando a tal efecto o impreso que se facilitará no Rexistro do Concello e na sede electrónica municipal, indicando o lugar da queima e comprometéndose á adopción das medidas de seguridade precisas.

O prazo máximo para a comunicación no Rexistro presencial ou telemático será ata as 14:00 horas do día 22 de xuño de 2020.