(Fonte O Progreso de Lugo) Abadín vive marcada pola chaira que se intenta adentrar entre as ladeiras do Xistral, fusionándose no verde de prados e montes, só salpicados polas pedras que, se falaran, contarían miles de contos
Poboación
O concello de Abadín conta con tan só 2.490 habitantes espallados polas súas 19 parroquias. Deles, 1.231 son homes e 1.259 son mulleres, segundo os datos que ofrece o Ige.
Vista atrás
Na parroquia de Labrada quedan vestixios da época paleolítica, concretamente no lugar do Xestido-O Catadoiro, que datan do 6.200 a.C. Tamén se atoparon restos preto do Cadramón, no Curro Vello, no Campo do Fiouco —en Montouto— ou en Valdeinferno.
Curiosidades
O nome de Abadín aparece por primeira vez en 1562, cando o rei Alfonso VII lle cedeu os señoríos de Baroncelle, Costa da Morte e Vilarente á casa dos Luaces, un dos apelidos máis importantes na historia da zona.
FAI DE PRINCIPIO e de fin e adentrarse nel significa mimetizarse coa natureza, sen adornos nin distraccións. O peregrino que pasa por el sente que ao deixar atrás Mondoñedo remata unha etapa do seu camiño, pero tamén implica a entrada nunha paraxe sen igual: na chaira máis grande de Galicia.
Ricos ou non, o caso é que os abadineses teñen certa fixación co ouro. Tanto é así, que polas historias que se contan, en Vilarente había unha escada de ouro que comunicaba o castro desta parroquia —que ocupaba o Puntigo, onde se atopa a igrexa— ata o castro dos Cucos, da veciña Pastoriza. Pero por casualidades dos contos, esa mesma escada tamén aparece nas lendas do castro de Moncelos e no de Baroncelle.
Facendo un percorrido ata o presente, non se pode saltar a época medieval, da que quedan algunhas pontes esparexidas para atravesar os regatos que lle dan forma ao concello. En pleno medievo é cando se constrúe a igrexa de Abadín, da que queda a fachada como xoia á que venerar. Tamén as de Cabaneiro, Moncelos, Romariz e Montouto viviron e sobreviven despois de séculos en pé.
Pero se hai un templo que conta con especial veneración, ese é o do San Cosme da Montaña, en Galgao, ao que acoden centos de fieis o día da romaría. Dise que xa no século X se tiña constancia da existencia deste santuario, aínda que se localizaba no barrio dos Samordás, para logo ser trasladado á súa actual ubicación. Pero como o santo non quería estar alí, volvía outra vez para o seu lugar de orixe, aínda que as mans dun veciño dos Samordás que o transportaba puideron axudar bastante a que se realizasen os milagres deste santo.
O concello abadinés dispón nos seus 196 quilómetros cadrados centos de contos que contar, só ten que haber quen os queira escoitar. Fantasía para soñar ou darlle explicación ao que parece non tela, como cando o apóstolo Santiago subiu ao Argán para dicir: «Este é o monte do ceo» e así quedou Moncelos. Dixo Aquilino Iglesia Alvariño sobre Abadín: «Un día hamos ser neniños/ nun país bárbaro de montes/ e xesteiras inmensas, amarelas,/ e prados sempre verdes, e bois pios,/ e infinitos regatos, patuxando/ pra os muíños da mao».
Cova dos Santos. Tamén se lle chama cova da Meiga ou dos Apóstolos, por ter unhas columnas que parecen ser talladas coma santos. Atópase en Galgao e é unha habitual dos aficionados á espeleoloxía. Ten arredor de 170 metros percorribles.
Daniel Pernas. Nado en Quende en 1884, estudou no seminario de Mondoñedo e del saíu como cura. Unha das súas parroquias foi a de Baroncelle, ao mesmo tempo que escribiu unha única obra poética, Fala das musas, composta de 26 poemas costumbristas relixiosos.
D’o ermo. Algúns dos poemas desta obra refírense á Graña, Argán e aos seus arredores, onde impartiu clases durante anos Noriega Varela, o poeta da montaña.
A fala dos brañegos. Libro que compila a tradición oral do concello, grazas ao traballo do equipo Chaira.
San Cosme. Nos últimos días de setembro, os máis devotos danse cita no alto da Xesta para pedir por xente que está enferma ou para honrar a San Cosme da Montaña.
Carrilanas. Dende o alto da Corda baixan estes pequenos vehículos ata o centro de Abadín. A súa cita celébrase no verán.
Pozo do Encanto. En Labrada din que algunha vez se ten visto a unha fermosa muller que saía do pozo peiteándose cun peite de ouro
Noticias de abadín
PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DE GALICIA
Programa integrado de emprego do Concello de Outeiro de Rei 2019/20 Agrupación de Concellos de OUTEIRO DE REI – FRIOL – RÁBADE – BEGONTE - CASTRO DE REI – COSPEITO - ABADÍN - MONDOÑEDO O Concello de Outeiro de Rei inicia a formación transversal na cal participan 100...
MASCARILLA-19
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO Poñemos en marcha a campaña MASCARILLA-19 nas oficinas de farmacia comunitaria dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto. Con esta campaña búscase a colaboración das farmacias comunitarias para evitar situacións...
CORONAVIRUS: Servizo de apoio a persoas maiores ou en situación de especial vulnerabilidade
BANDO DON JOSÉ MARÍA LÓPEZ RANCAÑO, ALCALDE DO CONCELLO DE ABADÍN (LUGO). FAI SABER: Á vista da situación de Estado de Alarma xerada en todo o país pola pandemia do COVID-19, infórmase que o Concello de Abadín pon a disposición, de...
CORONAVIRUS: Medidas e accións do Concello
CORONAVIRUS: ¿Qué debo saber?
Fotos do concerto de 11 Marzo de 2020
CORONAVIRUS: Teléfono gratuito de información
Día Internacional da Muller (8M)
O Concello de Abadín, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller (8 de marzo) levou a cabo varias actividades, enmarcadas dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de sensibilizar á cidadanía en materia de igualdade de xénero e...
Fotos do desfile de Entroido 2020
CONCELLO DE ABADÍN
