PESONAXES DESTACADOS
Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín 1909-Santiago de Compostela 1961).

Biografía:

iglesiasalbario.jpg

Estudou no seminario de Mondoñedo e dedicou a súa vida ao ensino do galego e á creación poética. Traduciu para o galego textos de autores clásicos (Horacio, Teócrito, Tibulo). A súa poesía inscríbese dentro da corrente iniciada por Noriega Varela que se denominou humanismo paisaxista ou neovirxilianismo, que comparte con autores como Díaz Castro ou Crecente Vega. Na súa obra percíbese a pegada da poesía clásica, do saudosismo portugués e, en menor medida, do imaxinismo herdado de Amado Carballo e do creacionismo de Manuel Antonio. Os temas recorrentes na súa poesía son a dor existencial e a paisaxe. Antes da Guerra Civil publicou "Señardá" (1930), un poemario formado por sonetos nos que o tema principal é a dor; e "Corazón ao vento" (1933) onde hai unha maior abertura ao vangardismo. En 1947 aparece "Cómaros Verdes", primeiro libro publicado en Galicia logo da guerra, na que abandona a rima empregando preferentemente o hendecasílabo branco e na que se somerxe nun paisaxismo na que a soidade é un tema fundamental. En "Día a día" (1960) domina a actitude existencial con continuas referencias ao pasado nun ton grave e reflexivo. Con "Lanza de Soledá" (1961) volve ao soneto e a temática céntrase na anguria humana no medio dunha "noite" simbólica na que a contraposición luz/sombra ten unha grande importancia. Nese mesmo ano publica tamén "Nenias", poemas homenaxe a autores galegos e foráneos, modernos e antigos que van desde Catulo ata Rosalía de Castro.

Adicóuselle o Día das Letras Gallegas do ano 1986.

 

Obra:

Poesía
Señardá (Lugo, 1930).
Corazón ao vento (Lugo, 1933).
Contra el ángel y la noche (Buenos Aires: Emecé, 1941).
Cómaros verdes (Villagarcía de Arousa: Celta, 1947).
De día a día (Villagarcía de Arousa: Celta, 1960).
Nenias (Vigo: Galaxia, 1961).
Leva o seu cantare (Villagarcía de Arosa: Celta, 1964).

Traducións
Horacio, Carmina (Madrid: CSIC, 1950).
Plauto, A comedia da oliña (Vigo: Galaxia, 1962).
Ensaios
Noriega Varela, poeta da montaña (Vigo: Galaxia, 1969).
A lengua dos poetas do Norte de Lugo (A Coruña: Publicacións Real Academia Galega , 1964).
"Lengua e estilo de Cabanillas" Obras completas de Ramón Cabanillas (Bos Aires: Galicia, 1959).

Daniel Pernas Prieto (Quende-Abadín 1884 – Mondoñedo 1946)

 

Biografía e obra:

 

Estudou no seminario de Mondoñedo, foi párroco de Baroncelle, parroquia de Abadín, e foi capelán do Hospital-Asilo de Ortigueira. Publicou un único libro Fala d’as musas (1936) con prólogo de Álvaro Cunqueiro en castelán, foi unha obra notoria por ser o primeiro libro en galego que se publicou en Galicia dende que xa estoupara a Guerra Civil.

 

 

Fala d’as musas é un poemario que consta de 26 poemas, costumbrista e relixioso na liña de Antonio Noriega Varela. Durante a contenda realizou publicacións en La Voz de Ortigueira poemas en galego que pertencían a un segundo volume da Fala d’as musas que nunca viu a luz.

 

Os seus poemas están espallados por publicacións como  Villibria (Mondoñedo), La Voz de Ortigueira, Vida Gallega (Vigo), Las Riberas del Eo (Ribadeo), Ilustración Gallega  (Vigo),  El Compostelano, La Comarca  (Ribadeo),  Aurora (Vilalba) e  As San Lucas (Mondoñedo).