HISTORIA E ARTE

HISTORIA


Estas terras están cheas de historia. Nelas naceron e viviron personaxes ilustres, poetas, fidalgos, militares e relixiosos que lle deron sona á comarca. Este concello ten a súa capitalidade na parroquia de Santa María de Abadín, no lugar de Probecende, pero as lendas e fantasías falan da orixe do nome que se perde nos tempos e existen dúas versións. A primeira refírese a un fundador do Reino de Taifas sevillano, denominado Abul-Casin ou Abad primeiro, creador da dinastía dos Abaditas, pero non hai constancia ningunha disto. A segunda versión é máis crible, xa que existe un documento dos monxes de Meira con data do 3 de decembro de 1254 no que o abade Hemerico lle dá carta da poboación á Granxa de Vilarente a favor de 54 veciños desta onde sinala os tributos que tiñan que pagar. Dise tamén que o concello elixiría sete veciños deste e, entre eles, o abade escollería un para alcalde.

No ano 1207, Romeo, abade de Lourenzá, deulles permiso a dez veciños para explotar o territorio de Choi en Romariz. Entre Meira e Lourenzá houbo interferencias polo cobro de rendas, unha delegación común dos mosteiros presidida por un abade que cobraba os dezmos e tributos ditatorialmente, ao que chamaban con retranca 'O Abadín'.

Pero non é ata o 18 de maio de 1562, cando Felipe II expide unha cédula real na que autorizaba a venda do couto de Abadín a don Luís Luaces polo Cabildo de Mondoñedo e que abarca os señoríos de Baroncelle, Costa da Morte e Vilarente. Aparece documentado o arciprestado de Baroncelle nunha doazón de Afonso VII, do 'Castrum Baroncelli' do ano 1132.

Do paleolítico quedan vestixios en Xestido-O Catadoiro, na parroquia de Labrada. Existen mámoas e dolmens en Pena Abaladoira e, tamén, na mesma parroquia, Petitone, ademais do dolmen de Romariz.

PATRIMONIO ARTÍSTICO

santamaria.jpg
O patrimonio histórico-artístico de Abadín é moi variado, desde os xacementos arqueolóxicos da época megalítica e castrense sobre todo, ata a arquitectura, con mostras no campo relixioso coma as igrexas parroquiais con restos románicos coma as de Santa María de Abadín. Esta data do século XII, aínda que a capela é do século XVI e de estilo gótico isabelino. No alto da fachada vese o escudo de casa Luaces, unhas estrelas e unha media lua; Outros restos atopámolos en San Bartolomeu de Cabaneiro (do século XII)ou en San Xoán de Romariz (posiblemente do século XIII), outras do século XVI de estilo renacentista coma a de Santa María de Moncelos ou a igrexa vella de Santa María de Montouto, etc, ademais de múltiples mostras de arquitectura popular reflectida nos numerosos cruceiros e capelas que salpican o municipio. Con respecto á arquitectura civil e militar, quedan restos de pazos coma o de Cernada en Santa María de Graña, o pazo da Roxoa en Castromaior (cunha importante fachada datada a principios do século XVI), o pazo torre de Escourido, a casa reitoral de Labrada, etc.

No que se refire á enxeñería, consérvanse dúas pontes medievais, ambas as dúas en Romariz.

INVESTIGACIÓN HISTÓRICA

arquitectura1.jpg