|
|
|
Páxina 2 de 3
O patrimonio histórico-artístico de
Abadín é moi variado, desde os xacementos arqueolóxicos da época
megalítica e castrense sobre todo, ata a arquitectura, con mostras no
campo relixioso coma as igrexas parroquiais con restos románicos coma
as de Santa María de Abadín. Esta data do século XII, aínda que a
capela é do século XVI e de estilo gótico isabelino. No alto da fachada
vese o escudo de casa Luaces, unhas estrelas e unha media lua; Outros
restos atopámolos en San Bartolomeu de Cabaneiro (do século XII)ou en
San Xoán de Romariz (posiblemente do século XIII), outras do século XVI
de estilo renacentista coma a de Santa María de Moncelos ou a igrexa
vella de Santa María de Montouto, etc, ademais de múltiples mostras de
arquitectura popular reflectida nos numerosos cruceiros e capelas que
salpican o municipio. Con respecto á arquitectura civil e militar,
quedan restos de pazos coma o de Cernada en Santa María de Graña, o
pazo da Roxoa en Castromaior (cunha importante fachada datada a
principios do século XVI), o pazo torre de Escourido, a casa reitoral
de Labrada, etc.
No que se refire á enxeñería, consérvanse dúas pontes medievais, ambas as dúas en Romariz.
|